top of page

Somos, unha vez mais, os que estamos contestando as políticas do Goberno na rúa”.


Miles de persoas maniféstanse o Primeiro de Maio en Pontevedra contra o paro, os recortes e a involución democrática. O secretario xeral de CCOO de Pontevedra advirtiu sobre as "dramáticas consecuencias" das políticas do Goberno. Xosé Luis García Pedrosa, falou ao final da manifestación das "dramáticas consecuencias" que están tendo no noso país as políticas de recorte do Goberno: máis paro e recesión, aumento da desigualdade e a pobreza, involución democrática. "Non hai diñeiro para protexer ás persoas, pero si hai 40.000 millóns de euros para sanear a banca".


Tamén houbo críticas ao Goberno Autonómico, que “non están xestionando medidas especialmente no emprego para mozos, os plans locais de emprego, o salario social ou o investimento, entre outras”.


CCOO denuncian neste Primeiro de Maio o xeito de actuar da Unión Europea, obedece os ditados da chanceler Merkel e insiste nas súas fracasadas e inútiles receitas neoliberais. Fracasadas e inútiles porque estas políticas non serven para saír da crise: só provocan un retroceso do estado do benestar, recortes de dereitos e máis paro e recesión. Estas políticas amosan en España e Galicia o seu perfil máis antisocial por culpa de reformas laborais orientadas a debilitar a negociación colectiva e acabar co convenio colectivo.


Con todo CCOO denuncian que a vertente máis cruel destas políticas é a destrución de emprego: segundo a última enquisa de poboación activa (EPA), Galicia ten case 290.000 persoas desempregadas. Constátase, ademais, que se acelerou a destrución de emprego no noso país: máis da metade dos postos de traballo que se perderon no último ano destruíronse no primeiro trimestre de 2013.


A isto súmaselle unha política privatizadora e de transvase de recursos públicos ao sector privado. A conxelación das pensións, o repagamento no ámbito sanitario, as taxas xudiciais, os recortes salariais no ámbito público e no privado e o desmantelamento dos servizos públicos están a xerar unha crecente desprotección e inseguridade entre os sectores máis desfavorecidos.

bottom of page