top of page

Pola defensa do público, das pensións e das persoas, CC.OO. manifestouse en Pontevedra.

 

23-11-2013. Baixo o lema «Emprega a túa forza: defendamos o público, defendamos as pensións, defendamos as persoas», CC.OO. e U.G.T manifestáronse hoxe  para amosar o seu rexeitamento ás políticas antisociais que aplica o goberno central.

 

 

Manifesto leído nas mobilizacións do 23 de novembro:
Malia os cantos de serea sobre a incipiente

recuperación económica e a insistente mensaxe de

distintos dirixentes políticos e empresariais do ámbito

nacional e internacional a proclamaren que as políticas

de austeridade empezan a dar froitos, a cidadanía non

percibe indicio ningún de mellora senón, ao contrario, o

estancamento da situación.


Por iso, as traballadoras e traballadores europeos,

atendendo á convocatoria da Confederación Europea

de Sindicatos (CES), participamos nesta xornada de

mobilizacións contra a política de recortes imposta pola

UE e apoiada polos distintos gobernos nacionais, entre

eles o español, que está a xerar máis paro, máis

pobreza e máis desigualdade, e demandamos un plan

de investimentos europeo para propiciar un crecementosostible e empregos de calidade.

 
Máis de 270.000 galegos e galegas están no desemprego e, no resto do Estado, a cifra elévase a case seis millóns.

O mercado laboral estase volvendo máis precario, coa substitución de emprego indefinido por temporal —en Galicia

caeu máis dun 6 % a contratación indefinida—; prosegue o desmantelando do estado de benestar mediante os recortes sociais en sanidade, educación, prestacións por desemprego —a cobertura a penas chega ao 60 % cando ao comezo da crise superaba o 80—, pensións, servizos sociais, xustiza, servizos públicos esenciais; seguen baixando os salarios mentres aumentan os beneficios empresariais; e cada día increméntase de xeito alarmante o número de persoas que viven por baixo do limiar da pobreza.  Neste senso, cómpre subliñar un dato estarrecedor: preto de 90.000 fogares en Galicia teñen a todos os seus activos no paro e máis de 31.000 non perciben ingresos.

O Goberno do PP está utilizando a crise económica para aplicar unha política neoliberal implacable que non lle é allea e que, ademais, rexe o destino de Europa. Unha política que antepón o interese privado ao interese xeral, que afonda nas desigualdades e se desentende da cidadanía. Fronte a esta situación non cabe a resignación.

O pasado mes de outubro apoiamos distintas mobilizacións en toda España: o 7, coincidindo co Día Internacional polo Traballo Decente; o 17, con motivo do Día Internacional da Loita contra a Pobreza, e o 24 de outubro toda a comunidade educativa amosou o seu rexeitamento á lei Wert, secundando a folga xeral de educación e participando en masivas manifestacións en todo o país.

O Goberno, refuxiado nunha maioría absoluta conseguida con falsas promesas electorais, segue sen escoitar, sen dialogar, sen querer ver as consecuencias dunhas políticas que pretenden quebrar a solidariedade e a igualdade. Tanto os orzamentos xerais do Estado para 2014 como as contas públicas que pon enriba da mesa o Goberno da Xunta son máis do mesmo, continúan a liña do recorte do gasto dos últimos anos, claramente antisociais e carentes de actuacións dirixidas a impulsar o crecemento e o emprego. Poñen na escena a incapacidade manifesta dos gobernos, tanto central como autonómico, para sacarnos do pozo da crise e anuncian que a súa fin para as persoas aínda tardará en chegar.

A reforma da Administración local suporá a perda de postos de traballo e a eliminación de servizos públicos próximos ao cidadán. En Galicia, un territorio caracterizado pola dispersión poboacional, as consecuencias, se cabe, van ser aínda máis nefastas. Unha reforma que, unha vez máis, se fixo sen diálogo social, sen criterios de racionalidade, cunha clara intención privatizadora e que choca co propio sistema democrático.

Outro exemplo desta política contra os dereitos laborais e sociais é a reforma de pensións, que o Goberno de Rajoy quere impoñer de maneira unilateral e que rompe a última promesa electoral do programa co que accedeu ao poder. Esta reforma mingua o poder adquisitivo dos pensionistas presentes e futuros e topa co rexeitamento unánime de todos os grupos parlamentarios e dos interlocutores sociais. Na nosa comunidade autónoma, o lastre desta reforma vai ser moito maior, xa que contamos coas contías medias máis baixas de todo o Estado.

Pedimos a retirada desta reforma de pensións porque é innecesaria, inxusta e só responde aos intereses dos grupos económicos e financeiros. Tamén pedimos a retirada da reforma da Administración local, porque recortando dereitos e servizos públicos estase atentando contra a inmensa maioría da sociedade e contra a calidade da democracia.

Fronte a esta erosión do noso estado de benestar, fronte ao secuestro dos dereitos cidadáns, só cabe unha resposta, e masiva. Non vale a resignación, nin sequera o silencio, porque de todo intenta apoderarse o Goberno cando apela ás «maiorías silenciosas». Non queremos un país en negro, onde prevaleza un único pensamento, o dos poderosos, onde prime o individualismo fronte ao ben colectivo. Queremos un país de todos e para todos, onde as persoas estean no centro de todas as políticas.
O próximo día 23, no marco dunha gran mobilización europea, mobilizarémonos polos nosos dereitos, en defensa do público, das pensións, das persoas. Sairemos á rúa para esixirmos outra política, porque hai alternativas para unha saída máis xusta da crise.

Emprega a túa forza, defende os teus dereitos. Non deixes que chos arrebaten.

Novas relacionadas:-

CC.OO. pechase nas oficinas da Seguridade Social pola reforma das pensións.
bottom of page